www.euromundoglobal.com

LENGUAS COOFICIALES

A VIII Xornada de Onomástica explora o papel dos nomes de lugar e persoas na cultura popular
Ampliar

A VIII Xornada de Onomástica explora o papel dos nomes de lugar e persoas na cultura popular

martes 10 de octubre de 2023, 20:05h

10OCT23 -A CORUÑA.- O encontro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, organizado coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, terá lugar o sábado 21 de outubro no Edificio Castelao do museo provincial. As sesións prestaranlle atención especial á presenza dos nomes de lugares e persoas no cancioneiro popular

A VIII Xornada de Onomástica Galega explorará o vindeiro 21 de outubro dende Pontevedra o papel dos nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestaralle nesta ocasión atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancioneiro, e terá tamén en conta outros xéneros. Haberá ademais tempo para coñecer experiencias dende o mundo educativo relacionadas co tema da xornada, que rematará cunha actuación musical de Tralo-Valo.

As sesións desenvolveranse en horario de mañá e tarde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. As persoas que desexen seguilas presencialmente deben inscribirse enviando un correo electrónico, antes do 18 de outubro, a [email protected] cos datos que se indican no programa, dispoñible en academia.gal. O programa poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal e a canle de Youtube da Real Academia Galega.

A través da cultura popular, a cita permitirá profundar na relación da onomástica coa oralidade, explica a académica Luz Méndez, coordinadora da xornada canda a académica de número Ana Boullón. “O eixo central, desta volta, é a expresión popular dos nosos nomes, transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo”, detalla. “Coma sempre e, ante todo, a xornada quere abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós, xerar debate científico e divulgar e normalizar os nomes propios persoais e de lugar”, conclúe.

Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente. A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.

A sesión da tarde arrincará cun relatorio de Carlos Baliñas Pérez sobre os usos sociais do cognomentum (alcumes, sobrenomes, nomes familiares...) na Galicia altomedieval e deseguido continuará cunha contribución dende o mundo da didáctica, como é costume nestas xornadas dende os seus comezos. Será da man da cantora, improvisadora e filóloga Alba María, que profundou co seu alumnado de secundaria na relación entre os romances e a onomástica.

(Enviado por José Antonio Sierra - Coordinador lenguas cooficiales)

¿Te ha parecido interesante esta noticia?    Si (1)    No(0)

+
0 comentarios
Portada | Hemeroteca | Índice temático | Sitemap News | Búsquedas | [ RSS - XML ] | Política de privacidad y cookies | Aviso Legal
EURO MUNDO GLOBAL
C/ Piedras Vivas, 1 Bajo, 28692.Villafranca del Castillo, Madrid - España :: Tlf. 91 815 46 69 Contacto
EMGCibeles.net, Soluciones Web, Gestor de Contenidos, Especializados en medios de comunicación.EditMaker 7.8