www.euromundoglobal.com

Apartheid e fraude na política cultural e informativa da Xunta

Remitido por José Antonio Sierra

martes 19 de mayo de 2015, 01:26h

Sabemos que a situación de crise do idioma galego ten raíces profundas. Que precisa algo máis ca unha decidida acción institucional para inverter a tendencia de ruptura da transmisión. Mais en absoluto a progresiva invisibilidade -sobre todo no medio urbano- do idioma propio quere significar que unha maioría social desexe a súa morte.

Antes ao contrario, estudos demoscópicos confirman a inquietude cidadá pola deriva do idioma galego, moi especialmente nas dúas últimas lexislaturas. No que respecta ás actuacións de goberno a percepción máis estendida apunta a unha quebra da lealdade institucional, que se produce cando os gobernantes antepoñen os intereses da súa facción partidaria aos dereitos das persoas.

Diñeiro público e fraude

Coa modesta lexitimidade que confiren a condición apartidaria e a vocación para agrupar xentes de practicamente todas as sensibilidades políticas, Prolingua ten o deber de denunciar que a quebra das regras de xogo democrático está provocando día tras día unha esgazadura de moi difícil retorno.

Máis alá das cifras de uso do idioma -un asunto merecente da máxima preocupación- amoréanse as prácticas indicativas do ameazador que debe resultar para a Xunta algún dereito fundamental. Precisamente alí onde reside boa parte do potencial económico dos países desenvolvidos: nas áreas do coñecemento, da información e da cultura. Este último sector ocupaba hai só doce anos o cuarto posto no PIB galego.

Os gobernantes da actual Xunta escolleron qué sectores produtivos impulsarían e cales deixarían esmorecer. Nun contexto de desemprego e de emigración, a posibilidade de que se arruínen ou saian adiante proxectos científicos, artísticos ou xornalísticos -eses que máis dependen, sobre todo no inicio, dos fondos públicos- non é aleatoria.

Só no 2014 os grandes grupos xornalísticos recibiron axuda oficial por valor de1.675.000 € en concepto de “uso da lingua galega”. O feito de que estea en castelán o 94% da información dos xornais que reciben tales sumas podería insinuar que o 6% restante -cada páxina publicada no idioma propio de Galicia- vale o seu peso en ouro. No entanto, a ecuación vólvese inescrutable de repararmos en que a totalidade dos medios escritos integramente en galego recibiron menos de 182.000 € polos seus centos de páxinas redactadas e publicadas no idioma do país.

Cando se trata de subvencionar do modo encuberto -mediante a inserción de publicidade institucional- os datos máis recentes van na mesma liña: 2.500.000 euros procedentes do FEDER destínanse aos mesmos grandes da comunicación que reciben diñeiro pola promoción (?) da lingua propia de Galicia. Mentres, medios dixitais de referencia, algúns ben coñecidos pola súa pluralidade, pola atención aos contidos nacionais e pola actitude crítica, quedan fóra de toda axuda da Xunta. Algo similar está ocorrendo neste período electoral con partidas publicitarias (600.000 e 300.000 euros) procedentes de diversas consellerías.

A instantánea, aínda que recente, podería corresponder a case calquera tramo da historia autonómica. Lonxe de limitarse ás empresas de comunicación, o criterio da Xunta á hora de distribuír o diñeiro de todas e todos chega a extremos que nos gustaría crer inimaxinables na Unión Europea. Publicacións culturais con décadas de presenza coma A Trabe de Ouro ou Grial, lidas e recoñecidas internacionalmente, non reciben un céntimo do goberno de Núñez Feijoo; revistas coma Luzes, sostidas polas mellores voces do xornalismo galego, son privadas da redistribución dos cartos públicos con argucias legais que deberían facer arrubiar de vergoña aos seus redactores.

A Xunta pulverizou en seis anos todos os rexistros de destrución da pluralidade informativa: prensa nacional e prensa comarcal, revistas, cabeceiras dixitais; de xeito simultáneo, as que lideran o asentimento ao Partido no poder engordan unha temporada tras outra.
Un réxime de apartheid

Se alguén sabe de vontade de supervivencia á marxe do público, de fe en pequenas iniciativas empresariais, de resistencia en precario, son as persoas que en Galicia se comprometen co dereito á información e ao coñecemento libres.

Posto que os marcos constitucional e estatutario expresan de forma inequívoca un mandato (“respecto”, “protección”, “garantir o uso normal”, “potenciar”, “medios necesarios”), a Xunta xoga a invocar o idioma no púlpito mentres o deixa sen combustible na sala de máquinas. Baléiranse os textos legais, coma se só fosen palabras de adorno, ante a pasividade do resto de poderes encargados de velar polo seu cumprimento. Detráense os fondos destinados á promoción da lingua non só coa finalidade de subvencionar as publicacións en castelán, o idioma máis longamente subsidiado do Estado español, senón como garantía de que as empresas cumprirán cando o esixan as necesidades da propaganda.

En virtude deste proceso circular os medios que máis teñen, máis reciben; na medida en que medra o seu orzamento faino tamén a súa capacidade de incidencia social, polo que aumenta a partida da futura subvención. Así ata o obxectivo último, que non é outro que a minorización terminal da vida intelixente en lingua galega. Un verdadeiro plan de apartheid, unha práctica que xamais recoñecerá as teorías nas que se inspira.

A distancia entre civilización e barbarie ben podería medirse desde o grao de intolerancia da cidadanía ante a gravísima quebra dos consensos xurídico-políticos. Falamos de incumprimentos legais, pero estamos a describir tamén unha estrutura na que o uso do diñeiro público responde aos parámetros do que ninguén dubidaría en cualificar, noutros sectores e noutros Estados, cos nomes que corresponde: corrupción, control totalitario dos medios e conculcación de dereitos elementais, tanto no ámbito lingüístico coma no da libre circulación das ideas.

Prolingua non vai formar parte dun silencio que nos convertería en cómplices. Se non lle poñemos remedio, acudindo de ser preciso ás instancias internacionais, esta situación só pode culminar co baleiramento e liquidación da nosa cultura.
ProLingua, 17 de maio do 2015

¿Te ha parecido interesante esta noticia?    Si (19)    No(0)

+
0 comentarios
Portada | Hemeroteca | Índice temático | Sitemap News | Búsquedas | [ RSS - XML ] | Política de privacidad y cookies | Aviso Legal
EURO MUNDO GLOBAL
C/ Piedras Vivas, 1 Bajo, 28692.Villafranca del Castillo, Madrid - España :: Tlf. 91 815 46 69 Contacto
EMGCibeles.net, Soluciones Web, Gestor de Contenidos, Especializados en medios de comunicación.EditMaker 7.8