Ana Boullón: “As homenaxeadas eran mulleres fortes e rexas, criadas no medio rural e que pasaron por circunstancias difíciles na vida. Posuían un gran coñecemento cultural e material, e souberon transmitir o rico patrimonio do que eran depositarias, comunicado xeración tras xeración, agora para o futuro”
“Este é un ano de celebración en todas as vilas onde houbo e hai cantadoras, onde se celebran foliadas e onde se cantan coplas e regueifas”, lembra a académica
· Antón Santamarina: “Na miña infancia o cantigueiro era como un espello da vida campesiña. A tradición segue aínda que sexa doutro xeito. Vivimos un rexurdimento sen precedentes que probablemente veu para quedarse”
· Xesús Alonso Montero: “As vinte e unha cántigas populares de Cantares gallegos poñen en evidencia o desacerto dos negacionistas da poeticidade dos textos do chamado cancioneiro popular de tradición oral”
A Real Academia Galega celebrou este mediodía o Día das Letras Galegas das cantareiras e da poesía popular oral desde Malpica de Bergantiños, a terra das Pandeireteiras de Mens, nas que a institución personificou esta homenaxe colectiva canda a Rosa e Adolfina Casás Rama, veciñas de Cerceda, e Eva Castiñeira, de Muxía. A conmemoración foi un acto de recoñecemento do “exemplo luminoso” das creadoras e transmisoras dos cantares anónimos. Tamén das persoas que investigaron e recolleron as cantigas do pobo, das que as levaron aos escenarios e mais das novas voces que son xa o futuro da tradición que proxecta a lingua galega polo mundo adiante, representadas no pleno extraordinario da RAG nas voces das Tanxugueiras.
“As Letras deste ano celebran o pasado e miran para o futuro. O tradicional é moderno”, resumiu a académica Ana Boullón na primeira alocución da xornada. “Da fonte da tradición xorden hoxe todo tipo de adaptacións, mostrando que non se procura unha difusión meramente arqueolóxica dela, senón a súa apertura aos novos tempos. Porque aínda que poida semellar paradoxal, esta celebración está dedicada á xente nova. E serve tamén de vencello entre as xeracións máis vellas e máis novas, como mostra espontánea e sincera de comunicación interxeracional”, resaltou.
Á xente nova referiuse tamén no seu primeiro discurso público o novo presidente da RAG. Nun momento crucial para o futuro do idioma, Henrique Monteagudo reclamou unha “reformulación a fondo da política lingüística que poña a infancia e a mocidade no centro”, con “mensaxes de entusiasmo, acompañadas de compromisos tanxibles”. Como “exemplo luminoso” cualificou as cantareiras que “fixeron foliada co idioma a través dos séculos”, e gabou así mesmo a xente de Bergantiños e de toda a Costa da Morte, “orgullosa da nosa fala, que a conservou e transmite contra vento e marea”.
“Precisamos saír de vez do bucle interminable das polémicas estériles, alleas ao alento dunha cidadanía que aspira a ver o noso idioma convertido nunha lingua normal. [...] Un idioma que queremos vivir tranquila e plenamente con alegría e sen limitacións. Para pular por isto, a Real Academia Galega mantén sempre abertos os seus brazos á colaboración. Porque isto é tarefa da cidadanía toda e de todas as institucións, co goberno galego á fronte”, engadiu Henrique Monteagudo. “En nome dela, interpelo a todos os galegos e fago votos de unión, alén de intereses de parte”, concluíu.
Ana Boullón e Antón Santamarina incidiron igualmente na oportunidade que significan para o galego o mundo da música tradicional e os novos vieiros que emprende. “As novas expresións de lecer nos festivais, nas novas foliadas, as aulas de música e baile tradicional poden converterse nunha ferramenta para a normalización lingüística”, apuntou a académica, promotora das Letras Galegas 2025. “Non podemos disociar a sorte da nosa lírica popular da sorte da lingua. E niso é necesaria a achega de todos, no só a das cantareiras. Fai falta o compromiso da xente para superar dunha vez a enfermedad de nuestro carácter que nos lleva a abandonar todo lo nuestro, que dicía Cuevillas, e falta sobre todo o compromiso dos responsables de facer unha planificación lingüística que trate con decisión de deter e inverter esta deriva”, considerou Santamarina.
Coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, Antón Santamarina pronunciou un emotivo discurso no que tirou de 80 anos de memoria persoal, primeiro como cativo da Fonsagrada que mamou as cantigas e logo como compilador e estudoso da poesía popular oral. “O meu tío avó facía cantares mentres zoqueaba, o tío Enrique facíaos onde cadraba. O cantigueiro era como un espello da vida campesiña; unha vida que hoxe xa non existe máis que no recordo de vellos coma min”, evocou. “Pero o certo é que a nosa resistencia á asimilación foi grande. Agora xa non é un fenómeno rural senón urbano, ou máis urbano que rural, pero a tradición segue aínda que sexa doutro xeito. Vivimos un rexurdimento sen precedentes que veu para quedarse”, asegura.
Compartiu tamén lembranzas dos primeiros anos de vida arredor das coplas o profesor Xesús Alonso Montero. “Non descubrín a poesía na Universidade Central, fíxeno nas lareiras e nas tabernas do Ribeiro de Miño, na universidade rural e cotiá dos meus anos da adolescencia”, confesou nunha alocución na que defendeu a relevancia artística do cancioneiro da tradición oral, base e inspiración dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a protagonista da primeira celebración do 17 de maio en 1963, no centenario desta obra auroral da literatura galega contemporánea.
“Compañeira, compañeiriña leal, camarada”
Ana Boullón abriu a quenda de intervencións académicas cunha alocución na que sinalou as claves da historia da poesía do pobo e da súa relación coa música, en que o papel central da muller foi “un feito diferencial de Galicia” con respecto a Portugal ou Castela, xa advertido por frei Martín Sarmiento no s. XVIII e recoñecido nestas Letras Galegas. “Moito antes da invención da palabra sororidade, nas coplas xa se expresaba a complicidade entre as mulleres, nunha sociedade patriarcal que tamén empregaba as coplas para denigralas e para apuntalar os valores morais dunha estrutura que convertía as mulleres nas subalternas dos subalternos. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo probablemente inconscientes da súa forza emocional e política”, expuxo.
As Letras Galegas das cantareiras son unha oportunidade para visibilizar as mulleres, e para vindicar “o valor da creación colectiva, das actividades compartidas”, proseguiu a académica nun discurso inzado de referencias a proxectos profesionais como o de Fuxan os Ventos, Milladoiro, Mercedes Peón, Leilía, Uxía Senlle ou Xabier Díaz, que trasladaron a poesía popular das ruadas nas aldeas aos palcos; a novos nomes como os de Faia, Baiuca, Caamaño&Ameixeiras, Mondra, De Ninghures, Alba María, Lupe Blanco ou Xairo de Herbón; e mais ás agrupacións de música e baile tradicional que se crearon desde a base, desde Aturuxo, da que formaron parte As Vellas de Mens, ata Xacarandaina ou as locais de Raigañas e Carcaxía. “Todos estes colectivos forman unha rede de puntos que desde hai moitos anos constituíron o fermento que agora eclosiona. A poesía popular oral foi a raiceira dun fenómeno que transcende o exclusivamente literario: é musical, etnográfico, folclórico e social”, reflexionou Ana Boullón.
As sete protagonistas
A académica trazou o retrato das sete mulleres nas que a RAG personificou a celebración deste 17 de maio: Adolfina Casás Rama e Rosa Casás Rama, naturais de Vila da Igrexa (Cerceda); Eva Castiñeira, veciña de Agranzón, Muxía, que emigrou á Coruña a finais dos anos 60; e mais Prudencia Garrido Ameixenda, Asunción Garrido Ameixenda, Manuela Lema Villar e Teresa García Prieto, integrantes das Pandeireteiras de Mens. Formaron tamén parte deste grupo Teresa Lema Varela e Adela Rei Torrado que, malia non poderen ser formalmente incluídas na candidatura por faleceren máis recentemente, tamén de forma implícita están presentes nesta conmemoración. “Este é un ano de celebración en todas as vilas onde houbo e hai cantadoras, onde se celebran foliadas e onde se cantan coplas e regueifas”, aclarou.
As sete cantareiras nas que se personificou desde a RAG este 17 de maio eran “mulleres fortes, rexas, criadas no medio rural e que pasaron por circunstancias difíciles na vida”. “Algunhas eran fillas de solteira, feito que quizais lles deu máis liberdade para o canto e o baile, pois non eran tan dependentes das convencións sociais. Varias tiveron que emigrar, a diversos sitios de Europa ou ás cidades, deixando en todo caso o seu lar tradicional, transplantadas a un tipo de vida totalmente diferente, do que non tiñan referentes. Algunhas era ágrafas e, aínda así, posuían un gran coñecemento cultural e material, e souberon transmitir o rico patrimonio do que eran depositarias, comunicado xeración tras xeración, agora para o futuro”, valorou Ana Boullón.
En defensa da musa popular
A sesión plenaria da RAG recoñeceu a relevancia artística da literatura popular oral creada e transmitida por elas. No feito da “substancia poética” da súa arte profundou Xesús Alonso Montero nunha intervención en que desmontou os prexuízos de eruditos como Marcelino Menéndez Pelayo ou de Juan Valera e se detivo na pegada dos versos populares en Rosalía de Castro. “Só as vinte e unha cántigas populares de Cantares gallegos poñen en evidencia o desacerto dos negacionistas da poeticidade dos textos do chamado cancioneiro popular de tradición oral”, expresou.
Rosalía iniciou a maioría dos poemas desta obra con cantigas populares, “pero os versos dela hai que lelos, inescusablemente, en función da copla oral que os suscita”, destacou. O profesor convidou o público a se mergullar nalgúns dos cantares escolleitos pola poeta, “A rula que viudou”, “Cantan os galos pró día”, “O meu corazón che mando”, “Si o mar tivera varandas” e “Aí tes o meu corazón”. “Este pentateuco de ouro faría renxer na súas tumbas a don Marcelino e don Juan Valera”, ironizou.
Alonso Montero expuxo tamén o exemplo de Valle-Inclán. Escritor galego que non escribiu en galego, si que percibiu –indicou– que existían na tradición oral de Galicia “coplas en lingua galega dignas de que figurasen como colofón poético de poemas seus en idioma castelán”.
O expresidente da RAG compartiu ademais co público a influencia do cancioneiro na súa traxectoria vital e académica: “Fun alumno na Universidade Central de don Dámaso Alonso, un dos filólogos hispanos máis sabios á hora de explicar a poeticidade dos textos; pois ben, eu non descubrín a poesía na Universidade Central, fíxeno nas lareiras e nas tabernas do Ribeiro de Miño, na universidade rural e cotiá dos meus anos da adolescencia. Esa foi a miña primeira universidade, e quizais foron os textos populares os que operaron na cerna do meu espírito xuvenil para que, en 1948, eu decidise, ante o desconcerto dos meus pais, estudar Filoloxía, que etimoloxicamente é o amor á palabra”.
O cancioneiro dunha vida
Entre finais dos anos 20 e comezos dos 30 do século pasado, dous filólogos de Hamburgo, Fritz Krüger e Walter Ebeling, recolleron arredor dun cento de cantigas na Fonsagrada e arredores. Antón Santamarina, nado neste concello lugués en 1942, coñeceu e cantou practicamente todas, nunha infancia na aldea de San Martín de Suarna que foi tamén para el a primeira escola poética. Naquelas coplas aparece, como tema ou escenario, o millo, a castaña, o liño, o carro, a sega, a costureira, o cura, as relacións de veciñanza... “O cantigueiro daquela era como un espello da vida campesiña. E naquel ambiente foi onde eu formei o meu pequeno repertorio”, rememorou.
En 1968 volveu á comarca para recoller materiais para a súa tese sobre a fala no val de Suarna, e foi entón cando comezou a se interesar no estudo das cantigas e a recollelas. “A maior parte dos informantes eran simplemente transmisores, non compoñían o que cantaban, pero máis ou menos pola data en que nacín aínda había trobadores”, explicou o académico. Unha década despois comezaría a colaborar con Dorothé Schubarth no cancioneiro que marcaría un antes e un despois polo seu rigor científico, os preto de 600 informantes cos que contou e as gravacións das que se acompañou.
No repertorio da infancia había moitas cantigas en castelán, entre elas os romances históricos que chegaban doutros puntos da Península e que, ao contrario do que acontecía en Portugal ou Cataluña, non se adaptaban á lingua propia. A radio traería despois a “invasión de música castelá e non tradicional (pero si popular)”, feito que non sería malo “se non fose acompañado do esquecemento do noso”, advirte Santamarina. Con todo, “a nosa resistencia á asimilación foi grande”, aprecia o filólogo, quen tamén quixo agradecer o papel de todos os estudosos que recolleron cantares e mais o dos grupos musicais e agrupacións que contribuíron a esa resistencia. “Cambiaron o escenario e a función da cantiga ou da peza instrumental; agora xa non é un fenómeno rural senón urbano (ou máis urbano que rural), pero a tradición segue aínda que sexa doutro xeito”, analiza.
Como consecuencia deste proceso –congratúlase– a nosa música tradicional foise volvendo máis popular e conta con máis artistas; escóitase alén da Galicia interior e da diáspora, nos escenarios e platós de todo o mundo; cada vez son tamén máis os artistas de fóra de Galicia que se interesan por ela e a interpretan (como Yo Yo Ma, Jordi Savall ou Kepa Junkera), e por fin pode aprenderse en varios conservatorios. “Todo isto é síntoma dun rexurdimento sen precedentes e que na miña opinión probablemente veu para quedarse”, di.
As cantareiras, a “enerxía colectiva que nunca perece” de Castelao
A creación, recreación e transmisión da poesía oral foi cousa “dunha infinda moitedume de luciñas e vagalumes”, debuxou o presidente da RAG no discurso de clausura, parafraseando a Castelao e o seu “Alba de Gloria”. No que é tamén o ano do intelectual rianxeiro (cadrando co 75 aniversario do seu pasamento), Henrique Monteagudo sitiou á cabeza desa “moitedume”, guiada por Rosalía de Castro o propio Castelao, as Pandeireteiras de Mens, a Rosa e Adolfina Casás Rama e a Eva Castiñeira: “Elas representan –volvo ás palabras do gran rianxeiro– o pobo, que nunca nos traizoou; a enerxía colectiva, que nunca perece”.
“Castelao referiuse arreo ao pobo traballador como creador e custodio fiel, durante séculos, da cultura e da chave de ouro da identidade galega: o idioma”, proseguiu o presidente da Academia nunha intervención en que reflexionou sobre o presente e o futuro do idioma. Fíxoo xusto un ano despois de que o seu predecesor, Víctor F. Freixanes, lanzase un chamamento a prol dun pacto pola lingua, e tras se coñecer o pasado outono que o galego perdeu a súa posición secular de lingua máis falada do país. “Por desgraza, os discursos dos líderes políticos nos tempos recentes non aboan esa esperanza. A pesar disto, a nosa ilusión non se extingue”, advertiu.
“Mentres as expectativas sobre a política lingüística esmorecen, o idioma segue abrollando nas innúmeras iniciativas sociais –especialmente da xente moza– para promovelo, defendelo e difundilo en escolas, pantallas e escenarios, nas rúas e nos medios de comunicación, nos comercios e nas oficinas, nas redes ou nos estadios deportivos. O exemplo luminoso das cantareiras, que fixeron foliada co idioma a través dos séculos, é seguido por moitas mozas, representadas hoxe aquí polas Tanxugueiras, que proxectan a nosa tradición cara ao futuro. Velaí, sen ir máis lonxe, o exemplo da xente de Bergantiños e de toda a Costa da Morte. Afouta xente da beiramar, orgullosa da nosa fala, que a conservou e transmite contra vento e marea”, sinalou.
“O novo impulso para o galego virá dunha reformulación a fondo da política lingüística que poña a infancia e a mocidade no centro. Para desatarmos os nós que atrapallan o galego precisamos mensaxes de entusiasmo, acompañadas de compromisos tanxibles, e sóbrannos retóricas ocas, os acenos reticentes e as accións facareñas”, considerou. “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”, dixo volvendo novamente a Castelao antes de rematar, con humor, cun dos Cantares de Rosalía: “ Non me espliquei cal quixera / que son de esplicansa pouca / se ghrasia en cantar non teño / o amor da patria me afoga”.
Saúdos cordiais e feliz Día das Letras Galegas,
(Enviado por José Antonio Sierra)