Boletín Cultural

Campaña de ProLingua: Por ti o galego terá mil primaveras máis

Miércoles 22 de octubre de 2014

ProLingua bota a andar este mes de maio a campaña Mil primaveras máis para a lingua galega. Esa frase foi pronunciada por Álvaro Cunqueiro un 25 de abril de 1980 en Vigo, na homenaxe que lle renderon as súas amizades no Hotel Samil. Foi, sen dúbida, unha das que tivo máis repercusión, das de máis calado social e por esa razón e pola forza que ten deseñamos esta campaña na que a cidadanía é fundamental.



Somos conscientes de que unha lingua só ten sentido se a falamos, porque só así garantimos o seu futuro. Por iso sementamos vida cando a empregamos, cando soñamos nela, cando bailamos ao seu son, cando nos indignamos coa forza que ela nos dá, cando a eliximos para transmitírllela ás novas xeracións, cando a protexemos dos que non nos entenden, cando codificamos o mundo a través dela... cando ti decides que é a túa lingua.

ProLingua quere que ese compromiso individual sexa visible nesta primavera. Polo que pedimos que calquera persoa ou colectivo grave un vídeo dicindo Por min o galego terá mil primaveras máis (ou ben coa frase Por nós o galego terá mil primaveras máis, se se fai en grupo) e que nolo envíen a prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. No correo indícanos o teu nome e apelidos, lugar de orixe e profesión.

Antes de rematar a primavera florecerá unha gravación na que cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo. Sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis.

Máis información e imaxe da campaña: http://prolinguagalega.org/voces/2014/04/29/por-min-o-galego-tera-mil-primaveras-mais